Polaroid Photo

Galería

Xavier Alcalá

Escoller categoría:

2009

En castelán

Habana Flash

Al sur del mundo

En las catacumbas

2008

(XVI Edición)

Evanxélica memoria

(2004-2007)

Máis que unha triloxía sobre a memoria histórica: o tríptico que nos desvela un mundo oculto

2007

2005

2004

* * *

2006

1998

1992

1990

1988

Mar
30
Xuñ '09

Al sur del mundo, de Xavier Alcalá / Las aventuras del Capitán Duchesnoy, de Xavier Queipo

Vía O levantador de minas.

Ven
19
Xuñ '09

Lixo e lingua

O crepúsculo é longo nas latitudes de Flandres. Leuven -Lovaina- é unha beleza barrocamente gótica, de pedra que vira ocre ao solpor. Unha praza chea de xente nova acolle os visitantes nun festival de bandeiras. Moitos séculos de sapiencia contemplan ese mundo universitario.

Corre unha xenerosa rolda de cervexas e vanse desenvolvendo os temas, en inglés, entre un flamengo e dous galegos: hai crise de materias primas; soben os prezos dos metais necesarios para mantermos o benestar da parte do globo que, vista desde o espazo cando lle corresponde a noite, aparece iluminada. Esa parte debería comezar un proceso de garbage mining , minería do lixo. O centro de transferencia tecnolóxica ao que pertence o flamengo estase especializando en recuperar materiais preciosos dos inmensos depósitos de todo o que foi tirando o mundo iluminado de noite…

A conversa dá un quebro cando o anfitrión se interesa polo idioma galego, segundo el, un caso semellante ao do seu. E sofre un choque que lle fai esquecer a nova minería ao saber que en Galicia a xente se pregunta se cómpre ensinar galego ou inglés na escola. Non entende nada, vai afinando as preguntas e conclúe a pedir desculpas para atreverse a sentenciar: nada se pode esperar dun pobo que trata a fala propia « like garbage» , coma lixo. Tan afectado parece que, se cadra, vai rexeitar o proxecto de cooperación técnica galego-flamenga que orixinara o encontro; e os galegos tentan unha saída pola vía do humor mais, neste caso, non a dan atopado. (”A voo de tecla”, La Voz de Galicia, 17/06/2009)

Xov
11
Xuñ '09

Idiomas para galegos

Seica os nenos teñen unha grande vantaxe sobre os adultos: apañan sons de idiomas diferentes e métenos noutras tantas partes do cerebro que logo se interconectan. Por iso os aprenden tan ben, coa correspondente fonética.

As linguas fanse con palabras, sons encadeados, estruturados segundo códigos. Representan xeitos de pensar e sentir recollidos nunha memoria colectiva. Cada lingua é unha nación e os que falan moitas son máis humanos cós que falan poucas porque pertencen a máis pobos.

Se en Galicia non houbese traumas de fala, a xente ensinaríalles na casa aos fillos a patrimonial e deixaría que, mergullados nun mundo mediático castelán, aprendesen a lingua franca de España e Hispanoamérica (doada forma de «galego oriental vasquizado e mozarabizado»). Despois procurarían que na escola se paralelizase o ensino de castelán co do portugués, «galego estremeño, mozarabizado» cunha fonética -por veces forzada- coincidente en moitos aspectos coa do francés, lingua latina ben fácil de aprender.

Na mente dos rapaces é sinxelo armar os quebracabezas das tres latinas máis estendidas polo mundo: castelán, galaico-portugués e francés. E o francés pode axudalos moito a entraren no híbrido xermano-latino que manda no globo, o inglés: quen fala francés ten a metade do vocabulario inglés no peto.

Nunha Galicia orgullosa do que lle deu ao mundo, non abonda con «español e inglés». O percorrido sería do galego ao inglés, pasando polo portugués e o francés (sen esquecer o castelán, of course). (”A voo de tecla”, La Voz de Galicia, 10/06/2009)

Mér
27
Mai '09

Presentación de libros de Xavier Alcalá e Xavier Queipo en Bruxelas

Hoxe, mércores 27 de maio no Instituto Cervantes de Bruxelas (Avenue de Tervueren 64) ás 18:30, terá lugar a presentación dos libros Al sur del mundo de Xavier Alcalá e Las aventuras del Capitán Duchesnoy de Xavier Queipo. O acto contará coa participación de José Manuel Silva, Director Xeral de Investigación da Comisión Europea, e María González Encinar, do departamento de Educación da Embaixada de España en Bélxica.

Mér
20
Mai '09

Existir -ou non- na web

As xentes do Imperio Austro-húngaro adoitaban dicir aquilo de que “só existe o que existe en Viena”. Por iso ás veces renunciaban á propia lingua en favor do alemán oficial na capital do imperio.Mais a cuestión non era só lingüística senón que se refería á “sensación de existencia” dos creadores en xeral. A música ou a pintura non precisan de soporte idiomático e, con todo, para que algo húngaro deses eidos fose coñecido na Croacia, precisaba de chegar alá pasando por Viena…

Hoxe a Viena universal non existe fisicamente, con rúas e edificios, con teatros e salas de arte. Esa Viena é un inmenso conxunto de servidores de páxinas electrónicas –unhas dinámicas e outras estáticas– conectados na arañeira global, a web.

Nos nosos tempos só existe o que existe na web soportada pola rede de redes, a interrede que chamamos Internet como marca (sempre lles facendo un favor aos ianquis inventores, innovadores…, que, sen embargo, non souberon inventar a idea que nos levou ao hipervínculo, ás ligazóns e á navegación virtual).

Iso non quere dicir que non se produza cultura para medios de presentación que nada tiveron que ver en orixe coa arañeira ligadora das máquinas lóxicas que conteñen e xestionan cantidades abraiantes de información dixitalizada. Música é música; foto é foto; cine segue a selo; e non falemos de literatura, que sempre será filla dos símbolos cos que se representa o discurso.

Mais, na era anterior á que se inicia coa vulgarización da web, cada forma de cultura tiña o seu medio de presentación. E hoxe, non. Todos os medios acaban confluíndo nos conceptos da arañeira e a interrede: todas as manifestacións de cultura chéganse a coñecer no que merecen porque se dixitalizan, se almacenan en formatos dixitais e se transmiten en forma de datagramas, paquetes de información dixital que procuran camiño como poden de rede a rede. [..]

(Ler todo en Blogaliza/Letras)

Mér
20
Mai '09

Letras e telemática

Cada ano, no 17 de maio véñense a celebrar o día das Letras Galegas e o do que poderiamos chamar Telemática, nun proceso de coincidencia que aumenta sen parar.

Hai trinta anos os escritores escribían a máquina, lían en soporte de folio e puían con pluma, pintura branca e mesmo pegando papel para mudaren parágrafos. Daquela apareceron os programas editores nos ordenadores e o labor de escribir viuse aliviado de servidumes mecánicas para os literatos capaces de acceder ás marabillas da informática, que acababan mandándolle ao editor o orixinal en papel impreso.

Máis adiante xurdiron os ordenadores de tratamento de textos nas oficinas e máis escritores accederon á posibilidade de compor e recompor sen fatiga. E xa se podía mandar ao editor o produto en disco magnético por correo.

O seguinte paso foron os ordenadores persoais. Hai unha ducia de anos conectábanse eses ordenadores por medio dos modems e as liñas telefónicas. Rematou logo o mandar papel e discos ao editor.

Comezaron as trocas de probas entre autor e editor, enviando este os textos montados segundo irían ao prelo.

Desde hai un lustro, as conexións de alta velocidade permiten que a obra -mesmo ilustrada- poida viaxar en dous sentidos nun progresivo refinamento. Actualmente, a mobilidade que facilitan as redes sen fíos permite ao creador do texto e ao realizador do libro traballaren en conxunto desde calquera lugar.

Letras e telemática van logo xuntas. En Galicia, cada 17 de maio teñen un motivo de conxunta celebración.
(”A voo de tecla”, La Voz de Galicia, 17/05/2009)

Mér
13
Mai '09

A verdadeira crise

Un físico de partículas elementais e un enxeñeiro de telecomunicación comentan unha conferencia sobre enerxía intelixente convocada pola Comisión Europea. Beben cervexa branca cuns toquiños de limón. A tarde é linda, desas que avaramente ofrece o clima de Bruxelas, e, por diante do Parlamento, na praza móvese un mundo de xente e vehículos. As cores animadas farían levantar azos, mais os xestos dos homes formados no intanxible, nas ondas e nos elementos subatómicos, non se corresponden co ambiente. O mundo -consideran eles- treme, aterecido, por unha crise aparente, financeira, económica. Desde a distancia dos seus coñecementos matemáticos, inflexibles, ven as leis económicas «elásticas, non científicas», e conclúen que todo se podería arranxar na convención que fai do diñeiro un valor aceptable para cantos xogan con el.

-Os economistas só che traballan con cifras -sentencia un.

-Crise de cartos, con cartos se arranxa -completa o outro.

Calan e engolen blanche escumosa, baixa en alcol.

Calan porque saben da crise subxacente: a economía mundial está baseada no abuso de recursos escasos, que cada vez requiren de máis enerxía para a súa extracción e para a súa conversión en algo utilizable. O uso intelixente da enerxía é a chave dunha nova economía para un mundo distinto. No tempo próximo, só co aumento exponencial da captación de enerxía e a diminución radical na súa utilización se evitarán as guerras que acaben coas civilizacións… Enerxía ou morte: velaí a verdadeira crise. (”A voo de tecla”, La Voz de Galicia, 06/05/2009)

Lun
4
Mai '09

Presentación na Coruña de Al sur del mundo

Al sur del mundo (Ézaro), versión castelá de Alén da desventura de Xavier Alcalá, e Las aventuras del Capitán Duchesnoy, de Xavier Queipo, serán presentadas ao público o próximo día 6 de maio ás 19:30 h. na libraría Arenas.